No imaxinario popular é difícil crer que cando len na etiqueta “mel monofloral de castiñeiro”, por exemplo, as abellas visiten unicamente esa flor. E hai algo de razón nese pensamento, ás abellas visitan moitas flores pero hai épocas nas que unha floración predomina, o que provoca que as abellas a visiten de maneira hipnótica.

Na península ibérica existen 7000 plantas diferentes das que só 300 son visitadas por abellas para aproveitar o seu néctar ou pole. Destas 300 só un centenar teñen unhas características que permiten a recollida dunha cantidade significativa de néctar. Se tomamos como referencia unha zona en concreto a variedade de plantas diminúe aínda máis. No caso de Galicia temos 4 especies diferentes que permiten ás abellas recoller cantidades significativas de néctar: a uz (noutras zonas chámase breixo), o castiñeiro, a silva e por desgracia o eucalipto, especie invasora que engadiu un novo sabor á nosa paisaxe.
Para obter un mel monofloral téñense que dar diferentes parámetros xuntos, unha entropía que cada ano varía lixeiramente. As flores destas especies teñen que estar en suficiente cantidade e acompañarse das condicións meteorolóxicas axeitadas para que a flor produza néctar. No caso do castiñeiro, non pode chover nos 15 días que se manteñen as candeas pero sí se necesita humidade. O calor secaría moi pronto as flores e non serían capaces de producir néctar nin pole. Ademais a man da apicultora é definitiva para poder obter un mel monofloral, porque na colleita clasificarei os favos segundo o tipo de mel que conteñen, unha tarefa laboriosa e feita dende o coidado e a observación.
Normalmente cada unha destas especies vexetais que nos proporcionan unha floración masiva estarán acompañadas doutras especies que conforman un ecosistema propio. Pero cada ano varían os porcentaxes dunha e doutra planta segundo a climatoloxía predominante nas semanas de floracións.
Entón aínda que a maior porcentaxe sexa de castiñeiro, mínimo un 70% segundo a IXP mel de Galicia, o mel monofloral de castiñeiro terá néctar doutras plantas. No caso do mel monofloral de castiñeiro do espírito da colmea estará acompañado da silva aínda que poden aparecer outras especies coma a uz e melatos de carballo.
Despois de deixar que repouse o mel algunhas semanas, e para garantir que realmente é un mel monofloral levo a analizar mostras de cada lote para que realicen análises polínicos. O resultado será o que certificará que realmente é un mel monofloral.
Os meles monoflorais de silva son moito máis complexos de conseguir. A floración da silva coincide ca do castiñeiro e as abellas prefiren aforrar traballo indo a un solo punto con milleiros de flores, pero ás veces ocorre e conseguimos o monofloral, como na colleita do 2025.

As cualidades organolépticas son moi diferentes dun mel monofloral a outro. No mel de silva o ácido acompaña o sabor floral da silva, mentres que no de castiñeiro adoita acompañarse de sabores amargos e adstrinxentes. Estas características conforman un abanico que nos permite a maridaxe con outros sabores doutros alimentos.
En definitiva o mel é un reflexo da paisaxe, “o mel xa non sabe como antes” din os vellos na Ulloa, e quizais razón non lle faltan, os cambios da paisaxe van mudando os sabores do mel.
Na Ulloa nos últimos 20 anos vin abater moitas carballeiras, sabedoría de centos de anos que desaparece a pasos de xigante. Pero aínda quedan redutos de bosque que caladamente seguen ofrecéndolle as abellas do espírito a sabedoría ancestral dos carballos e castiñeiros para ofrecérnolo nun bote de mel e mentres tanto poidan seguir sendo as gardiás do bosque.

