O mel de castiñeiro


Cando chega o outono en tódalas casas hai un bote de mel para tomalo polo gusto ou como mediciña. Nas culturas antigas era loubado e usado como ofrenda nas cerimonias sagradas e utilizado polas súas propiedades antisépticas para embalsamar corpos.

Se pensamos nas súas propiedades, a capacidade de conservar alimentos e as virtudes alimenticias garantes nas épocas de escaseza ten lóxica que estivese integrado nos ritos místicos.

A fascinación alquímica que convirte o néctar en mel comeza coas abellas colleiteiras que saen na busca da flora que lles provea de néctar e pole. Estas buscadoras ao chegar á colmea danzan en oitos ou círculos para indicar ao resto de colleiteiras onde está o tesouro, en qué cantidade e qué características ten. Cada unha delas fará múltiples viaxes aos lugares indicados. Ao chegar a colmea, intercámbianse entre elas o néctar, segregando unhas enzimas que cambiarán a composición química ata concentrar e transformar os azúcares. A este paso engádese o proceso de deshidratación que consiste en conseguir un líquido cunha humidade relativa en torno ao 16% e así garantir a súa conservación. E todo o proceso remata cando a abella deposita o mel nunha celdilla que opercula cunha fina capa de cera para garantir o seu almacenamento no inverno.

Estímase que das máis de 7000 plantas existentes na península ibérica, as abellas só visitan 300. Pero delas só unhas 100 teñen interese melífero e en cada zona este número diminúe puidendo reducirse a 20 plantas. Deste reducido grupo floral, as abellas escollen as  flores máis abundantes e nutricionalmente máis completas, para economizar esforzos.

O castiñeiro proporciónalles un néctar cunha fluidez óptima que facilita o traballo de transformación. Nas apenas dúas semanas que pode durar a candea, as abellas diríxense hipnotizadas cara os soutos, porque ademais do néctar colleitan un pole moi rico en aminoácidos, cun valor alimenticio por riba das outras floracións da mesma época na Ulloa.

A poucas semanas de que floree o castiñeiro, a medidados de xuño, unha das nosas tarefas é observalo, estar atentas para que as alzas estén listas cando a candea se abra e así conseguir o preciado mel de castiñeiro.  Pero as floracións son delicadas e para conseguir un mel monofloral precísanse unhas condicións climáticas específicas que manteñan a flor e axuden a árbore a segregar néctar e pole en cantidade.

Na apicultura actual o feito de observar convírtese nunha ferramenta esencial para intentar entender os cambios nos seus ciclos e traballar xunto a elas. As abellas son moi boas predictoras do tempo, puidendo adiantarse ou volvendo atrás nos estadíos do seu comportamento. As estacións que agora varían de maneira abrupta alteran os seus ciclos volvéndoos erráticos. Como exemplo podemos ver as tendencias a enxamia que se volven imparables ou o colapso da colmea onde todas as abellas desaparecen. Noutro momento falaremos deste fenómeno.

Para nós a observación é a parte do traballo máis agradecido na apicultura respetuosa co medio e cas abellas. Darse conta  de cómo o cambio climático varía as datas dos inicios das floracións que se mantiveron fixas durante os últimos 50 anos, fainos máis conscientes do estado precario climático que vivimos e do lugar que habitamos.