O Proxecto
No corazón de Galicia, na Ulloa, é onde se desenvolve o espírito desta iniciativa e onde descubrín o mundo das abellas despois de atoparme un enxamio que vivía nas paredes do muiño do meu avó. Desta casualidade naceu a decisión de colocar unha colmea nese lugar e así comezou o meu amor polas as abellas.

Coa axuda das nosas pequenas compañeiras, as abellas, creamos produtos apícolas alimentarios de calidade.
Despois de 10 anos de aprendizaxe dos ritmos e do funcionamento das colmeas, decidín crear a marca de produtos apícolas “o espírito da colmea”. Unha iniciativa que se desenvolve ao redor da protección da natureza. Un proxecto rural sostible, respetuoso co medioambiente e comprometido co consumo responsable e de proximidade, coidando a calidade dos produtos para coidar a saúde das persoas.
O nome do espírito da colmea nace como unha homenaxe o rural e as abellas, referenciando os valores da comunidade que sostén a vida e o traballo no campo, como as abellas que traballan como un único ser.
O mel é unha reducción da esencia dos lugares que habitan as abellas, por iso o mel do espírito concentra a esencia da paisaxe Ulloá. As colmeas situadas en diferentes puntos da comarca viven entre o monte Farelo cos seus breixos e toxos, as carballeiras, e os soutos e prados con sebes de silvas e salgueiros. Algunhas destas colmeas habitan os bosques custodiados por Quercus sonora, asociación de custodia do territorio da Ulloa, coa que colaboro na difusión da protección da natureza e do bosque autóctono.
As abellas producen mel monofloral de castiñeiro, mel multifloral, pole e própole. Quen proba o mel monofloral de castiñeiro di que sabe “como o mel dos avós”. Este mel varía nos seus matices de sabor segundo a climatoloxía do ano de colleita, predominando o sabor doce con notas amargas máis ou menos presentes segundo a abundancia da floración dos breixos nese ano. En cambio o mel multifloral é moito mais suave, de sabor doce e lixeiramente ácedo debido as floracións de silva e as flores dos prados que rodean os apiarios, que fai as delicias dos que non gostan dos sabores das meles fortes. O pole do espírito da colmea recóllese na época da floración do castiñeiro, cando as colmeas teñen excedente deste produto e así non influír negativamente na supervivencia das colonias. Por iso a produción de pole non é masiva, senón que en cada tempada varía a cantidade recollida tendo en conta as características climáticas do ano para garantir a saúde dos apiarios.
APICULTORE POR UN DÍA
Convidámoste a disfrutar por unhas horas a experiencia de ser apicultor/a. Visitando unha colmea e vestindo o traxe de apicultor, entraremos no mundo das abellas. Vivirás de maneira directa o funcionamento dunha colmea, aprendendo a diferenciar os diferentes tipos de abella e as súas funcions e cómo elaboran as abellas os diferentes produtos do espírito da colmea.

Amadriña unha colmea. No noso espírito está a protección das abellas, a defensa do territorio e a súa biodiversidade, por iso propoñemos un programa de fidelización para amadriñar unha colmea. Desta forma podes axudar a súa supervivencia e contribuír os gastos de mantemento que require o seu coidado.
Non deixes de contactar para pedirnos máis información.


