Defensa do territorio
No espírito da colmea estamos comprometidas co noso territorio, a Ulloa, o noso fogar, que nos acolle e sostén a vida das nosas abellas. O cambio climático, que vivimos de forma aguda nos últimos anos, está a alertarnos sobre o importante que é que no presente coidemos do medio ambiente. A nosa supervivencia e a das xeracións futuras dependen da capacidade que desenvolvamos para protexer o territorio que habitamos.
Na Ulloa existen zonas de bosques atlánticos en rexeneración. Unha paisaxe onde as carballeiras e os soutos de castiñeiros deixan paso a prados e as sebes que aumentan a biodiversidade do ecosistema. O corazón de Galicia aínda resiste a eucaliptización.
As formas ancestrais de traballo coa terra, en sinerxía coas novas iniciativas vinculadas ao territorio, garanten que sexa posible que no futuro o centro de Galicia siga mantendo a paisaxe que tanto o caracteriza.
Manter masas de bosques intactos preserva e equilibra a pesada carga de CO2 que agora mesmo estamos a vivir, alixeira os cambios repentinos climáticos e sostén a riqueza dos solos fixando os nutrientes aínda que se produzan choivas bruscas. Ademais, os ecosistemas amplamente diversos son os responsables de asegurar os controis de pragas e, polo tanto, de asegurar a produción de alimentos saudables.
Neste contexto, O espírito da colmea fai un traballo centrándose en dúas cuestións: a colaboración coa asociación de custodia do territorio da Ulloa Quercus sonora e o mantemento de colmeas para asegurar os polinizadores e a nosa alimentación.
Quercus Sonora
Traballamos man a man con Quercus Sonora, unha asociación sen ánimo de lucro que custodia o territorio ulloán. As nosas abellas convírtense nas gardianas da custodia vivindo nalgunhas das terras coidadas por Quercus.
A Ulloa é unha das poucas zonas de Galicia nas que aínda podemos atopar algúns grandes bosques atlánticos. Quercus non só planta sementes de árbores, senón tamén aquelas que farán xermolar sentimentos de comunidade e sensibilidade nas persoas, desenvolvendo diferentes actividades de educación ambiental.
14,5
hectáreas protexidas
Algunhas das fincas que protexen son directamente compradas por Quercus sonora. Outras, non obstante, son cedidas por propietarios da zona á asociación con fins diversos: Plantación de castaños ou outras árbores froiteiras, eliminación de exóticas, desbroce para evitar lumes, protección de bosque etc.
3500
árbores plantadas
Ao longo destes anos, Quercus plantou castañeiros, carballos, bidueiros, pradairo, cerdeira, nogueira, érbedo, acivro, e moitas máis especies autóctonas. Árbores que darán froito e sombra ás xeracións futuras.
155
socios dando apoio
Cada día son máis as persoas que queren participar activamente na conservación da nosa comarca dende todos os lugares de España.
Se queres saber máis cousas deste proxecto, facerte socia ou participar no voluntariado, visita a súa páxina www.quercusonora.es/ e ponte en contacto con eles.