Hai poucos días subía nas rrss do espírito un vídeo no que enfundada cunha máscara antigas subministraba o tratamento de oxálico sublimado ás colmeas. É posible que a pregunta que máis fixestes foi: como un tratamento que require esas medidas de seguridade para a apicultora pode clasificarse como un tratamento ecolóxico.
Para explicarvos os porqués, preciso primeiro falar da varroa, un bichiño que está debilitando a supervivencia da apis mellifera dende os anos 90.
A varroa, para que a poidades imaxinar, é como unha carracha de cor granate pero de 1 mm de tamaño. O seu ciclo vital está totalmente ligado ao ciclo da abella.
O ciclo reprodutivo comeza nas celas onde a varroa convive cas diferentes etapas da metamorfose da abella alimentándose na mesma cela. Cando se cumpre o ciclo dos 21 días da abella emerxen con ela 3 varroas parasitándoa para alimentarse do seu tecido graxo, saír da cela e continuar o seu ciclo reprodutivo.
A súa expansión na colmea é exponencial, isto quere dicir que se o ciclo de crecemento da abella na Ulloa comeza en marzo, por cada abella nacida cada 21 días (ciclo da abella obreira) a varroa triplicarase ata que a raíña deixe de poñer ovos ca entrada do inverno. A maior nivel parasitario o sistema de defensa da colmea diminúe e as varroas comezan a espallar enfermidades víricas das que son transmisoras, provocando a morte da colmea.
A varroa evoluíu ca apis cerana, unha abella asiática ca que conviviu en equilibrio. Pero ao redor do 1950 a varroa dá o salto a apis mellífera e expándese rapidamente sendo a década dos 80 cando aparece en Europa. Os asentamentos de colmeas de toda Europa empezaron a sufrir moitas baixas, e a partir dos anos 90 a solución a nivel global foi o uso de acaricidas para frear o crecemento da varroa nas colmeas. Estes tratamentos deixaban residuos nas partes graxas da colmea, é dicir nas ceras, e a varroa volveuse resistente aos acaricidas.
Alén do problema da quimioresistencia, as ceras acumulan restos de acaricidas que poden contaminar o mel, polo que o seu uso está restrinxido á cámara de cría para garantir que a presenza destes químicos non se libere directamente sobre as alzas nas que se colleita o mel.
A partir do 2010 investigáronse novas vías de acción dende un punto de vista xenético, de manexo e do uso doutras sustancias orgánicas como o ácido fórmico e o ácido oxálico, compoñente presente na natureza en moitos vexetais, por exemplo nas espinafres. Mais o oxálico sublimado, ou convertido en vapor é irritante das vías respiratorias por este motivo o uso de máscara protectora é obrigatorio para a apicultora que realiza o tratamento.Ademais de ser un método afastado das “revolucións químicas” outro factor importante é que non deixa residuos nas ceras polo que o mel non se ve afectado polo seu uso.
Nós tivemos moito que ver na expansión da varroa, que foi o resultado de practicar unha apicultura á medida dos mercados internacionais, e dos movementos de colmeas a escala continental. O uso de químicos foi un paso máis diso que chamaron “revolución verde” e que encheu os nosos alimentos de fitosanitarios e plaguicidas para xogar a controlar a natureza e aumentar a produción.
Camiñar cara unha produción de alimentos o máis respectuosa coa natureza e cos nosos corpos é o camiño que intento facer dende este recuncho de mundo, aínda que abafe coa máscara.

